Non é tarefa doada
a pescuda sobre militancia e actividades da Falanxe; a sistemática
destrución dos fondos documentais relacionados co Movimiento
Nacional dificulta ou, ás veces, impide abordar o tema cun
mínimo de rigor. Aínda así, a existencia de documentación que,
por diversas razóns, sobreviviu á queima e que se atopa dispersa en
arquivos municipais, provinciais e estatais, así como o baleirado das
hemerotecas, posibilita unha aproximación fiable para certas
localidades.
En novembro de 1941,
o ministro secretario xeneral do Movimiento, José Luis
Arrese, pon en marcha unha depuración interna que afecta toda a
afiliación falanxista; esta tarefa vai demorarse no tempo e non
remata ata principios de 1945. A finalidade era eliminar das filas
falanxistas militantes non compatibles cos seus principios e que
utilizaban a pertenza a Falanxe como cobertoira para outros fins.
O proceso esixía
uns inxentes trámites burocráticos, con informes do servizo de
investigación e dos xefes locais e declaracións individuais de
antecedentes. Ao iniciarse a depuración pechouse a admisión de
novos membros. Nos lugares nos que se conserva, a documentación
xenerada proporciónanos unha valiosa información; o carácter
parcial dos fondos conservados procuramos suplilo a través doutras
fontes.
Neste artigo
abordamos a composición da Falanxe no concello de Bueu dende 1936
ata 1951.
En setembro de 1940
había un total de 127 militantes; no ano 1943 son informados no
proceso de depuración 125 e o 2 de marzo de 1945, rematado xa o
proceso depurador, quedan un total de 82, dos que 73 teñen a
categoría de militantes e 9 a de adheridos. Os adheridos eran unha
sorte de afiliados de 2ª categoría, sen dereitos e que nun prazo de
cinco anos decidíase se merecían pasar a ser militantes ou se
decretaba a expulsión.
Só puidemos
documentar 4 militantes “camisas vellas”, ou sexa con afiliación
anterior ao golpe militar: Rogelio García Fernández, Emilio Juncal
Malvido e Salvador Lago Carballo, que ingresan o 30 de abril de 1936
e Juan Menduiña Pastoriza que o fai o 15 de xullo dese ano (noutro
documento afírmase que foi o 25). Tres afílianse o 18 de xullo,
Ignacio Lis Lombos, Francisco e José Loira Franco. O 21 de xullo de
1936, un día despois do golpe en Galicia, ingresan Antonio Cerviño
Martínez, José Diz Paz, José Lis Alonso e José Gil Rúa. Ao longo
dese mes afílianse José Collazo Iglesias, Perfecto García Lemos,
Ignacio Lis Alonso, José María e Antonio Massó García, Anselmo
Rivas Vilariño, Manuel García Pousada, Francisco Pazos Pazos e
Elías Regueira Alonso.
Algúns deles parece
que xa participaban en actividades falanxistas na clandestinidade
antes de ingresar oficialmente pois hai referencias da asistencia a
reunións clandestinas de Antonio Cerviño.
Un feito a destacar
é a presencia, nas primeiras semanas, dun significativo número de
afiliados procedentes do partido galeguista, ao redor dunha ducia.
Deles cinco son depurados favorablemente no 1945 (Antonio Cerviño,
José Collazo, Manuel Dopazo, Manuel Fontán e Perfecto García), no
ano 1951 xa non aparece ningún.
No ano de 1951
causan baixa, a maioría a petición propia, 28 afiliados, ou sexa,
aproximadamente a cuarta parte do total.
O decreto de
unificación de abril de 1937 dá lugar a un elevado número de
ingresos, todos con data do 18 de xullo de 1937) procedentes da Garda Cívica. A maioría eran persoas que pola súa idade encadráranse
nesta milicia; entre eles atopamos persoas que tiveran destacada
participación política en etapas anteriores. Non son ben vistos
polos falanxistas de primeira hora e os informes da xefatura local
así o denotan; algúns deles pedirán a baixa aducindo elevada idade
ou deixan de participar en actos e de pagar as cotas como forma
discreta de darse de baixa.
A modo de exemplo
do afirmado anteriormente, destacamos algúns deles.
Juan Cestay Cerviño,
afiliado ao partido galeguista. “No posee disciplina ni espíritu
falangista de ninguna clase sin que haya asistido jamás a
concentraciones y actos celebrados por esta jefatura local”. Merece
mal concepto e considérano estraperlista; a Fiscalía de Taxas
impuxéralle unha multa de 10.000 pesetas.
José García
Posada, industrial, fora alcalde na Ditadura de Primo de Rivera.
Solicita a baixa por idade.
Attilio Gaggero
Moresco, industrial, membro do partido fascista italiano. Non asistía
a actos falanxistas, informan que se afiliou a Falanxe por
comenencia. Proponse a baixa por non merecer confianza pero foi
depurado favorablemente e figura como adherido no 1945.
Gaspar Massó
García, industrial, afiliado ao partido galeguista, no informe
afírmase que tamén militou na Unión Patriótica de Primo de Rivera (cabo do somatén) e en Acción Popular. Presidente da Unión de Fabricantes de
Conservas. Membro da saga dos Massó, moi influínte na Falanxe e na
política local. A xefatura local informa que votara ás dereitas e
puxera a disposición dos votantes deste sino o seu coche e os da
empresa. No 36 negáranlle o ingreso na Falanxe sendo admitido o 18
de xullo do 37, na categoría de adherido, pois non o consideran apto
para militante e tiña pouco espírito falanxista. Axudou
economicamente ao partido en varias ocasións. No ano 1939 foi
sancionado polo gobernador civil Gómez Cantos con 1.500 pesetas por
“pronunciar frases incorrectas y protestar en tonos airados contra
lo dispuesto por la Superioridad sobre la expedición de
salvoconductos”. Foi procurador en Cortes polo sindicato (vertical)
da pesca.
Víctor Carballo
Castiñeiras, armador, alcalde durante a monarquía. Solicita a baixa
por idade.
José Rey González
“Sarillo”, industrial, fora simpatizante da Fronte Popular e no
36 votara á esquerda. Non asiste ás reunións. Ao rematar a guerra
solicitara a baixa.
Luis Pimentel Gil,
médico, membro da xestora da primeira corporación republicana.
Afírmase que nos primeiros días fora detractor da Falanxe. “Su
moralidad política es bastante susceptible a la concupiscencia
criticando en reuniones la árdua labor desarrollada por Falange”.
Non merece a militancia. Foi concelleiro e delegado de Auxilio
Social.
A continuación
ofrecemos un listado, (non exhaustivo) de afiliados á Falanxe de
Bueu e cargos ocupados.
Antonio Cerviño
Martínez, industrial, galeguista. O día do golpe presentouse ás
autoridades, pasou polo Polígono Janer de Marín onde lle
facilitaron armamento, prestou servizos no cuartel da Garda Civil de
Pontevedra ás ordes do capitán Pardo. Regresa a Bueu e forma a
JONS local. Marcha á fronte como voluntario na Centuria de Zapadores
de Marín mandada polo alemán “capitán Bruno”. Foi o primeiro
xefe local de Bueu.
Francisco Domínguez
Sobral, estudante, alférez provisional, voluntario na fronte.
Subxefe da Falanxe desde finais de agosto de 1936 ata o 1 de xaneiro
de 1937. Asesor técnico de atletismo no SEU de Compostela a finais
de 1942.
Perfecto García
Lemos, oficinista, galeguista. Presentouse o primeiro día “habiendo
prestado servicios de armas y otros de gran confianza”. Delegado
local de Organizaciones Juveniles (O.J.),
secretario e delegado sindical local, xefe local de estadística e
colocación, delegado local de obras sindicais de Artesanía,
Previsión Social e Educación
y Descanso. Alcalde en 1938.
Víctor Labaca
García, oficial de artillería, xefe local de milicias.
Félix Lis Alonso,
avogado, xefe local.
Ignacio Lis Alonso,
médico, xefe local do Movimiento, xefe local do departamento
médico de FE y de las JONS, médico asesor de milicias, delegado
local da Frente de Juventudes, delegado local de Información
e Investigación, asesor médico de Auxilio Social, tenente alcalde.
José Lis Alonso,
perito industrial. Presentouse no Polígono Janer e estivo ás ordes
do capitán Pardo en Pontevedra. Encargouse da dirección da
fabricación de bombas e outros materiais de guerra na fábrica de
Massó co grao de sarxento. Xefe local de milicias, delegado sindical
local e xefe local do partido.
Dentro da familia
Lis, un deles, Luis Lis Alonso, pertencera á Agrupación Socialista
“pero sin actuación alguna”. Por outra parte, asistira a todas
as reunións clandestinas da Falanxe para as que fora solicitado polo
xefe Antonio Cerviño, estivera presente no enterro e funeral do
“camarada caído” Secundino Esperón. Voluntario na Legión
Gallega e fundador das JONS locais.
José María Massó
García, conserveiro. Concelleiro e alcalde, xefe local, deputado
provincial e xefe da 2ª liña. Foron soados os seus enfrontamentos
con Camilo Davila Davila, antigo militante da URD, alcalde na
Ditadura de Primo de Rivera, delegado de orde pública, que fora
nomeado alcalde por Bastarreche nos primeiros días tras o golpe. As
desavinzas (frecuentes entre os falanxistas da localidade) eran por a
maior ou menor intensidade represora.
Antonio Massó
García foi delegado de administración e de Prensa e Propaganda.
Acusárono de irregularidades económicas.
Salvador Massó
García, médico, delegado local de Información e Investigación,
asesor sanitario das Organizaciones Juveniles e delegado local
de Prensa y Propaganda.
Gerardo Martínez
Estévez, mariñeiro, delegado local de agricultura e delegado
parroquial de Beluso.
José Novio Fornos,
oficinista, xefe de cadetes, administrador de Falanxe e secretario
contador da Delegación Nacional de Sindicatos na localidade.
Francisco Pazos Pazos,
delegado local das O.J., delegado local de Tesorería y
administración do partido, secretario e xefe local, xefe da 3ª
escuadra de 1ª liña.
Antonio Puig Davila,
xefe local de milicias.
Francisco Puig
Martínez, técnico de conservas, xefe da Garda Cívica. Delegado
administración de FET.
En canto a
composición por actividade, os grupos máis importantes de afiliados
eran os mariñeiros (25%) e os obreiros e autónomos (18%) seguidos
de oficinistas e empregados (12%). Os industriais supuñan o 9%,
comerciantes e xornaleiros o 6% cada un, os funcionarios e os
mestres, cada grupo o 5%.